A Consellería do Mar lembra que o Plan de Explotación do polbo obedece a unha estratexia de recuperación da especie
- Nas reunións mantidas co
sector especificouse que os topes de capturas poden cambiar a partir de
marzo en función da evolución desta especie, que se seguirá a través de
diversos estudos
- Ao sector tamén se lle trasladou
que a posible aplicación dunha veda está condicionada aos resultados
que vaia dando o desenvolvemento do plan na recuperación do cefalópodo
Santiago, 09 de xaneiro de 2009.- A
Consellería do Mar quere lembrar que os cambios intorducidos na xestión
da pesqueira do polbo que recolle o Plan Xeral de Explotación
Marisqueira 2010 foron debatidos co sector na procura do maior acordo
posible. Representantes da Consellería mativeron numerosas xuntanzas
cos tres presidentes das Federacións Provinciais de Confrarías, co
presidente da Federación Galega de Confrarías e cun representante do
polbo de cada provincia. Nestes encontros tratáronse os aspectos
relativos ao horario de traballo e como resultado acordouse a súa
redución, quedando establecido dende as 6:00 horas ás 16:00 horas.
O aumento do número de nasas por
embarcación e o sistema de cotas máximas foron outros dos aspectos que
a Xunta consensuou co sector nas diferentes reunións das que se obtivo
como resultado que a maioría acordaba establecer un tope de capturas
diario quedando, do 1 de maio ao 30 de outubro, en 30 quilos por
embarcación e 30 quilos máis por cada tripulante a bordo cada día (ata
un máximo de 180 quilogramos por día) e no resto da campaña extractiva
as cotas máximas de capturas son de 50 quilos por embarcación ao que se
engadirán 50 quilos por cada tripulante a bordo (ata un máximo de 300
quilos por día).
A Consellería do Mar aclara que durante
as reunións mantidas co sector se especificou que os topes de capturas
poden cambiar a partir de marzo en función da evolución desta especie,
que se seguirá a través de diversos estudos. O mesmo acontecería no
caso da veda, xa que esta nova orde permitiría establecela durante dous
meses continuados no período comprendido entre abril e setembro no caso
de que fose necesario. Para a súa hipotética determinación, a Xunta
terá en conta o estado do recurso e a opinión do sector afectado. Este
é un tema, que segundo especifica a Consellería do Mar, aínda non se
concretou e que se quedou de tratar co sector en posteriores reunións.
A Consellería do Mar lembra que o
obxectivo das medidas adoptadas no plan de Explotación Marisqueira é
garantir una explotación sostible deste cefalópodo.