Buscador avanzado

A proba desenvolverase na boca sur da Ría de Vigo dende as 10,00 horas do xoves ata as 12,00 horas do venres

O Intecmar coordinará un exercicio científico para mellorar as técnicas de loita contra a contaminación mariña accidental

Esta proba enmárcase no proxecto europeo DRIFTER coordinado dende Galicia polo CETMAR para mellorar o seguimento da deriva de manchas de hidrocarburos, substancias perigosas e corpos inertes

Santiago, 9 de marzo de 2010.- O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño, INTECMAR, coordinará un exercicio oceanográfico que se realizará o 11 e o 12 de marzo co obxectivo de mellorar as técnicas contra a contaminación mariña accidental. O exercizo que desenvolverán técnicos do INTECMAR, do CETMAR, de MeteoGalicia, da Universidade de Vigo, do Instituto Superior Técnico de Lisboa e do CEDRE francés, auxiliados por axentes do Servicio de Gardacostas, consistirá na solta e seguimento de boias lagranxianas de deriva e trazadores disoltos (substancias inocuas que colorean a auga simulando un verquido).

Esta é a duodécima proba destas características que se realiza en Galicia e que se desenvolverá nas proximidades da boca sur da Ría de Vigo dende as 10.00 horas do xoves ata as 12,00 horas do venres. Para o seu desenvolvemento empregaranse as substancias trazadoras, que estarán seguidas en todo momento por mar e aire, polo Servizo de Gardacostas, polos técnicos do CEDRE e a través dun fluorímetro e dun aparato LIDAR polos técnicos da Universidade de Vigo. Ademais de vixiar de xeito visual as boias derivantes, localizadas por GPS, os técnicos do INTECMAR seguiranas dende a terra por telefonía móbil.

Os resultados quedarán plasmados para o seu posterior estudo nunha base de datos, como xa se fixo en exercizos anteriores, que se poden ver en imaxes de “Google Earth”, na páxina web do INTECMAR (www.intecmar.org/drifter). Rematado o exercizo, terá lugar unha reunión de coordinación do proxecto DRIFTER, entre os técnicos dos centros participantes.

Este exercizo enmárcase no proxecto europeo DRIFTER (DRIFTER HNS, oil and inertpollution: Trajectory modelling and monitoring) -coordinado dende Galicia polo CETMAR. Este proxecto ten como obxectivo a mellora da capacidade de seguimento da deriva de manchas de hidrocarburos, substancias perigosas e corpos inertes, así como a predición da súa traxectoria. Outra das finalidades deste exercizo é ampliar os coñecementos do axuste das técnicas de seguimento e predición ao movemento real dos verquidos, e mellorar os protocolos de comunicación e difusión dos resultados.

 

Departamento: Consellería do Mar